Hostalaría

 

A actividade da Hostalaría converteuse nunha das primeiras cinco actividades en termos de afiliación. No que respecta ao paro, no segundo semestre de 2008, aumenta lixeiramente en comparación a anos anteriores. 

 

Carategorización das empresas

 

No campo da hostalaría, a meirande parte destas organizacións están dotadas de aloxamento e restauración, manifestando que o restaurante ten unha mellor acollida que a hospedaxe. De feito, os hoteis de maior tamaño sinalan que, como medida contra os picos de traballo localizados nos meses de verán, decidiron especializarse noutros servizos como son os centros de talasoterapia, ou tratamentos de beleza e cosmética de distinta natureza, masaxes, piscinas dinámicas, saunas, jacuzzis, baños turcos, temas romanas, etc. Pola súa banda, as empresas de menor tamaño (nalgúns casos, negocios familiares herdados que se mantiveron ao longo do tempo) concéntranse na gastronomía como medida para loitar contra a estacionalidade do sector. Algunhas delas fano ofertando unha especialidade culinaria da zona, mentres que outras teñen o seu propio horto e ofrecen produtos tratados a base de abonos naturais.

 

Dentro da restauración, estas empresas ofertan servizos tales como celebracións ou banquetes (comunións, vodas, bautizos, etc.), comidas diarias, e algunhas ofrecen menús diarios (sobre todo as empresas de corte mais familiar). Así, resulta de suma importancia o entorno no que se enmarcan as súas instalacións, tanto dende un punto de vista paisaxístico como patrimonial, xa que entenden que o/a cliente quere pasar unha estadía o mais agradable posible e que estes recursos axudan a súa satisfacción persoal e a súa tranquilidade.

 

Respecto ás áreas nas que se divide o traballo, en todas as empresas existe un departamento de restauración (composto por cociña, cafetería e servizo de camareiros/as), e un de administración e xestión. Ao tempo, a meirande parte delas ten hospedaxe, o que repercute na existencia dun departamento de limpeza de pisos e de recepción. Salientar que, de maneira excepcional, aqueles hoteis de maior tamaño teñen áreas de traballo destinados á comercialización e difusión da súa imaxe, de mantemento e coordinación dos centros de talaso, ou incluso unha área que se fai cargo do economato.

 

O número de persoas contratadas polas empresas é variable, oscila entre cinco e noventa, e soe ser xente contratada de maneira indefinida que leva certo tempo traballando na organización dentro do departamento de restauración. Nalgunhas ocasións as empresas externalizan servizos determinados, como acontece coa lavandaría ou a limpeza de pisos. E é frecuente que, en tempada alta, boten man de persoal laboral temporal que xa traballou con elas temporalmente. Por outra banda, as entidades de menor tamaño comentan que comezan a notar os efectos da actual crise económica, e que algunhas delas víronse obrigadas a despedir a parte do seu persoal habitual. No tocante á publicidade e difusión da imaxe que realizan estas empresas, mencionar que se centra, en maior medida, na divulgación dos servizos de aloxamento. Fundamentalmente, a publicidade materialízase en colaboracións con publicacións ou campañas que se fan para o conxunto do sector hostaleiro.

 

Por outra banda, no referente ás novas tecnoloxíasestas empresas utilizan de maneira cotiá programas informáticos para xestionar o servizo de hospedaxe e a facturación da restauración (cobro de comandas). Algunhas delas dispoñen dun servizo de reservas online e en recepción fan uso do lector de documentos (equipo informático que permite a lectura dos datos do DNI ou pasaporte, os cales son escaneados e se almacenan automaticamente no software do hotel). Instrumentos estes que lles permiten unha maior xestión da clientela que fai uso das súas instalacións, axilizando o desempeño do seu traballo.

 

Cando falan da situación e evolución do sector hoteleiro a resposta é case unánime: a hostalaría é unha actividade que atravesa unha difícil coxuntura económica, sobre todo tendo en conta os resultados acadados ao longo do 2009-2010, anos no que tivo lugar unha importante redución da ocupabilidade. Así mesmo, as empresas medianas e pequenas comentan que existiu un incremento da competencia que redundou nunha diminución da política de prezos, coa consecuente perda de competitividade e de traballo.

 

A gran maioría das empresas coinciden en sinalar que en Galicia non existe unha óptima promoción hoteleira por parte da administración (autonómica e local), que se trata dun sector especialmente castigado, con xornadas laborais amplas e cunha ineficiente regulación horaria. Consideran necesario un cambio de mentalidade no que se impulse o turismo e se fomente a organización dos voos directos dende o estranxeiro, xa que na actualidade Galicia é un destino de difícil acceso.

 

Asistencia á formación

 

Existen un conxunto de entidades que, nos últimos anos, participaron activamente en cursos formativos. Soe tratarse de empresas de certo tamaño que teñen a certificación de calidade e que, como tal, teñen a esixencia de actualizar formativamente ao seu persoal. Neste caso os cursos impartidos son tanto de natureza interna (cun plan de formación propio e coa participación de mandos intermedios na súa docencia) como externa (xestionados a través dunha consultoría ou consorcio). O persoal destas empresas asiste a cursos de vendas, programas e plataformas informáticas, protección de datos, calidade, manipulación de alimentos, riscos laborais, e a outras actividades formativas mais vinculadas ao mundo da restauración (como acontece no curso de corte de xamón).

 

Por outra banda, hai empresas de tamaño mediano ou pequeno nas que se fai unha menor cantidade de cursos, asisten a unha formación de carácter mais básico (de menor duración que o anterior grupo), e nas que é moi importante que a formación a demande o propio persoal. Neste senso os cursos están mais relacionados coa manipulación de alimentos, instalación de nova maquinaria (placas de indución, fornos, etc.), repostería, corte de xamón ou informática (para axilizar a facturación e o cobro de comandas).

 

Requerimentos para o posto de traballo;

 

Entrando a afondar nas habilidades, competencias ou destrezas que necesita o persoal para realizar as funcións correspondentes ao seu posto de traballo, as empresas entrevistadas destacan sobre maneira a importancia do factor humano, posuír un óptimo nivel comunicativo co cliente, ter facilidade para explicarse e facerse entender, prestando unha atención e un trato amable ao público que fai uso das instalacións. Incídese no feito de que a xente que desenvolve o seu traballo neste sector ten que ter uns coñecementos amplos, non só das súas funcións concretas, tamén deberáatender, asesorar e informar sobre o resto dos servizos que oferta a propia empresa, e coñecer a xeografía e o entorno (paisaxístico e/ou patrimonial) no que se enmarca. Se existe unha demanda do cliente, o persoal ten que saber saír da situación, atendelo e informalo de a quen se pode dirixir, sendo esta destreza extensible a tódalas áreas de traballo do sector. A presenza, a imaxe, a limpeza e o coidado hixiénico (tanto o persoal como o dos propios equipamentos), son outros dos requirimentos necesarios para traballar en hostalaría, sobre todo en postos como camareiro/a ou cociña.

En tódolos departamentos valóranse as ganas de traballar, a paciencia e a actitude positiva ante o traballo, así como a eficacia e a rapidez no desenvolvemento do mesmo. Mentres que o coñecemento á perfección da carta, a composición principal dos pratos, como servir as bebidas e os seus nomes convértense en destrezas a considerar nos/as camareiros/as de cafetería ou comedor. Hai postos nos que a formación en idiomas resulta de suma importancia (fundamentalmente en inglés). Ao tempo, valórase positivamente o feito de posuír un nivel de estudos medio (bacharelato ou formación profesional) e os coñecementos formativos adquiridos con anterioridade e a experiencia laboral previa.

 

No tocante aos perfís profesionais que o sector hoteleiro ten maiores problemas para cubrir, as empresas sinalan que esta actividade non esperta especial interese na poboación desempregada, atopándose con dificultades para localizar a persoas que queiran traballar na rama da hostalaría. Algunhas delas manifestan que existe unha visión negativa respecto á labor a desenvolver neste sector, e que lles custa atopar xente válida que veña con forzas e lle guste a súa profesión. Ademais desta problemática, existe certa coincidencia en que o perfil de camareiro/a é o que lles resulta mais complicado cubrir, tendo dificultades para atopar ao persoal formado que saiba desenvolver a súa actividade dende un punto de vista práctico. En menor medida, algunhas empresas comentan que tamén teñen obstáculos á hora de atopar persoas que traballen como recepcionista de noite, comercial, ou cociñeiro/a.

 

 

Doazóns

Todas as doazóns irán destinadas a cubrir as necesidades básicas  dos/as nosos/as usuarios/as

Colabora desde 1€

Fai as túas compras e colabora!

Redes Sociais

Tweets de Fund.AmigosdeGalicia @AmigosdeGalicia

Contacto:

Santiago de Compostela

Avda. de Lugo, nº 115

C.P. 15702 Santiago 

A Coruña

Teléfono:

610475763

Horario: 08:00 - 15:00

 

Vilagarcía de Arousa

Avda. López Ballesteros, nº9

C.P. 36600  Vilagarcía 

Pontevedra

Teléfono:

610 475 431

Horario: 07:00 - 15:00

 

Ourense

Avda.de Portugal, 59

C.P. 32002 Ourense

Ourense

Teléfono:

678 92 03 87

Horario:

De luns a xoves: 08:00-14:00 /15:30 -18:00 

Venres: 08:00-14:00 

 

 

Fax:

901 707 205

 

traballosocial@fundacionamigosdegalicia.org

informacion@fundacionamigosdegalicia.org

orientacion@fundacionamigosdegalicia.org

comunicacion@fundacionamigosdegalicia.org

Recomendar esta página en: