XXXII Grelo de Ouro

XXXII GRELO DE OURO

ACTA XXXII GRELO DE OURO - ÁS ASOCIACIÓNS E PERSOAS DOANTES DE ÓRGANOS E SANGUE DE GALICIA
Homenaxe José Antonio Alonso Miranda
 
Sendo as 11:00 horas do día 12 de setembro de 2019, reunido o Padroado da FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA na súa Sede en Santiago de Compostela, Presidido polo seu Presidente, Miguel Villar Costoyas e actuando de Secretario titular do mesmo, o Dr. Ramiro José F. Varela Cives, contando co asesoramento do Dr. Rafael López, Director de ONCOMET; Alfredo Garrido, farmacéutico; Ramiro Carregal, Presidente de Honra de Fundación Amigos de Galicia; Jesús Busto Peteiro, Director Xeral de Fundación Amigos de Galicia; Paula Chapela Bamio, Presidenta do Banco Médico Farmacéutico de Galicia; María Rodas Rodríguez, xornalista do Departamento de Comunicación de Fundación Amigos de Galicia; e Ángeles Rodríguez González, Administradora da Fundación Amigos de Galicia para tratar a concesión do XXXII Grelo de Ouro do ano 2019,
 
 
Acorda:
 
Conceder o XXXII Premio Grelo de Ouro aos colectivos e entidades profesionais e persoas doantes de órganos e sangue de Galicia, representados pola Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue “ADOS”, dependente do Servizo Galego de Saúde, a Federación ALCER Galicia, a asociación AIRIÑOS e a Asociación ADROVI, que coa súa actividade permiten salvar a vida de moitas persoas e mellorar a calidade de vida de outras moitas. Así mesmo, a entidade acordou personificar o Premio na figura de José Antonio Alonso Miranda, membro do Padroado Reitor da entidade finado recentemente e doante de todos os órganos. 
 
A Fundación Amigos de Galicia outorga este recoñecemento tanto a José Antonio Alonso Miranda e á súa familia; como aos doantes galegos e galegas e ás súas familias, que coa súa xenerosidade, permiten salvar e mellorar a vida de moitas persoas.
 
Con este Premio preténdese destacar así mesmo o importante labor dos colectivos profesionais que fan posible o funcionamento do programa de doazóns e transplantes; así como o das asociacións que traballan para que esta práctica terapéutica estea consolidada e valorada polos beneficios que supón para a nosa sociedade. 
 
A única alternativa que teñen moitas persoas para seguir vivindo é que outras doen unha parte do seu corpo. Galicia é a Comunidade Autónoma con maior aumento de persoas doantes, incrementando nun 56% o número de doazón de órganos. Dende o ano 1981, data da primeira intervención cirúrxica de transplantes nos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde, leváronse a cabo na nosa Comunidade Autónoma máis de 8.000 transplantes, batendo o seu récord no ano 2018 con 354 intervencións. Esta actividade foi posible grazas á solidariedade de 116 doantes de órganos e as súas familias, a cifra máis elevada dende que funciona este sistema en Galicia. Ademais, un total de 113.938 galegos e galegas contan xa coa tarxeta de persoa doante de órganos, o que demostra unha vez máis a solidariedade do pobo galego.
 
Os datos a nivel nacional son tamén moi positivos, xa que España leva 27 anos sendo líder mundial de transplantes e doazón de órganos. En España en 2018 alcanzáronse un total de 2.243 doantes, cifra que permitiu realizar 5.318 transplantes, a cifra máis alta do mundo.
 
Con este Premio, a Fundación Amigos de Galicia quere recoñecer ademais a importancia das doazóns de sangue, facendo un especial chamamento á participación de todas as persoas para realizar a práctica da doazón de sangue, nun momento no que as reservas son baixas.
 
Segundo os datos da Axencia de Doazón de órganos e Sangue de Galicia, son necesarias na nosa Comunidade Autónoma 500 bolsas diarias de sangue. Así mesmo, cabe destacar que de cada doazón benefícianse tres persoas, xa que de cada unha delas pódense extraer tres compoñentes diferentes, e cada un deles emprégase para un paciente distinto.
 
Polo tanto, con este Premio, Fundación Amigos de Galicia, pretende resaltar o importante labor de todos os colectivos profesionais que fan posible o funcionamento do programa de doazóns e transplantes; de todas as persoas doantes de órganos, sangue e tecidos de Galicia; así como do especial esforzo que se está a facer dende a Coordinación Autonómica de Transplantes da Axencia de Doazóns de Órganos e Sangue; dependente do Servizo Galego de Saúde; e encargada de garantir o abastecemento de sangue e dos seus derivados aos provedores sanitarios de Galicia; coordinar a doazón dos transplantes de órganos; e a importante labor de achegar á sociedade galega unha conciencia proclive á doazón. 
 
Os seus servizos fundamentais son: promover a obtención de órganos e tecidos de Galicia, coordinar a actividade coa Administración, coordinar a actividade extractora e implantadora de órganos entre os distintos hospitais de Galicia, levar o arquivo nacional de doazón e transplante de órganos e tecidos; así como orientar o esforzo ás asociacións.
 
Recoñecemos tamén o importante labor que están facendo as asociacións de Galicia, representadas pola Federación ALCER Galicia; a Asociación Galega de Transplantes “AIRIÑOS”; e a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo “ADROVI”.
 
A Federación ALCER Galicia, integrada por catro entidades provinciais ALCER Coruña, ALCER Lugo, ALCER Ourense e ALCER Pontevedra, desenvolve a súa acción co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades renais en todos os seus aspectos; fomentando a prevención e investigación da enfermidade renal crónica, así como a sensibilización sobre a doazón de órganos para transplante. Alcer Galicia constitúese como o referente autonómico na defensa dos intereses das persoas con enfermidades renais, procurando a cobertura das necesidades sociais e sanitarias e de integración laboral das persoas que a padecen. 
 
A Asociación Galega de Transplantes “AIRIÑOS” creouse no ano 1999 e ten por obxectivo dar asistencia ás persoas transplantadas e aos pacientes en lista de espera; divulgar actividades para o fomento da doazón de órganos; e mentalizar á sociedade galega da gran importancia que as doazóns supoñen. Así o reflicte o seu lema: Un só doante pode salvar ata sete vidas e mellorar a calidade de vida de outras tantas.
AIRIÑOS organiza todos os anos diversas actividades orientadas ao cumprimento dos seus obxectivos, destacando charlas e conferencias para sensibilizar á sociedade galega sobre esta práctica.
 
A Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo “ADROVI” é unha institución social sen ánimo de lucro que vela pola calidade de vida dos afectados que están á espera dun transplante, os propios transplantados, o seu entorno social e a poboación civil que comparte e entende o acto de doar como un compromiso solidario para salvar vidas. ADROVI desenvolve unha importante actividade no campo da sensibilización e información como ferramentas de concienciación social; sendo un dos principais obxectivos o aumento cuantitativo e cualitativo de posibles doantes de órganos e tecidos a través da demanda da tarxeta de doante. A súa principal actividade desenvólvese nas cidades e vilas da provincia de Pontevedra. 
 
 José Antonio Alonso Miranda
Fundación Amigos de Galicia personifica o XXXII Grelo de Ouro na figura de José Antonio Alonso Miranda, membro do Patronato Reitor da entidade falecido recentemente e doante de todos os seus órganos.
 
José Antonio Alonso Miranda, nado en Mandín – Verín – era fillo de militar e unha mestra. Aos 9 anos despréndese do seu fogar e desprázase a un colexio en Quintana del Puente (Palencia) para facer o ingreso, e despois trasládase a Ronda (Málaga) para estudar o Bacharelato. Ao finalizar, ingresa en 1973 na Academia General Militar saíndo como Tenente e en 1978 é destinado ao III Tercio da Legión, en Fuerteventura. En 2005, Alonso Miranda estréase como Coronel do Tercio Don Juan de Austria Tercero da Legión. Ao longo de dous anos ao fronte desta unidade, foi xefe do Equipo de Reconstrcción Provincial desprazado a Afganistán no primer semestre do ano 2006. Tras o seu paso pola Legión, e durante os primeiros meses do 2008, o Coronel foi destinado a Bosnia-Herzegovina. En 2009 ascenderá a Xeneral Xefe da BRILAT.
 
Pechada a súa etapa militar, comeza a súa traxectoria no ano 2013 na cadea El Corte Inglés, coordinando a seguridade dos centros repartidos por Galicia e Asturias, cargo que ocupou ata o seu falecemento, no pasado mes de setembro aos 63 anos de idade.
 
No campo persoal cabe destacar de el a súa extraordinaria faceta solidaria. Un home comprometido coa sociedade que lle tocou vivir en primeira persoa no exercicio da súa responsabilidade profesional. Un home esixente consigo mesmo e coas demais persoas, preocupado do primeiro ao último dos homes ao seu mando. Austero e responsable cunha grande capacidade de mando.
 
Na vida civil destacaba pola importante labor que desenvolvía coas persoas máis necesitadas da nosa sociedade, sempre atento ás necesidades do seu entorno, realizando aportacións económicas para estas causas e preocupado por buscar solucións ás persoas que se atopan en risco de exclusión social.
 
Como demostración máis evidente do seu compromiso social, queremos recoñecer nel a doazón de órganos cando finou, contando co apoio da súa familia, e deixando un exemplo que debe ser útil para toda a sociedade galega.
 
España é o primeiro país no mundo en doazóns de órganos, Galicia está na media; pero aínda debemos aumentar máis a cifra de persoas doantes.
 
Coa concesión do XXXII Grelo de Ouro a todas as entidades e persoas que traballan no campo das doazóns, queremos incentivar o compromiso da sociedade galega para construír unha sociedade máis culta, xusta e solidaria. 
  • Fashion Magazine

    Photo By: John Doe
    Button
  • Share by: