FAMILIAS BENEFICIARIAS DA RISGA

As beneficiarias da Renda de Inserción Social Galega, son na súa maioría mulleres, dunha idade comprendida entre 35 e 44 anos, que viven na súa maioría nun piso de aluguer e que se atopan en situación de desemprego, sen recursos e con fillos a cargo. Por outra banda, en Galicia son 52457 as familias que reciben unha prestación non contributiva, xa sexa de xubilación ou invalidez. Algunhas delas contan esta pensión como os únicos ingresos da unidade familiar, vivindo de aluguer e tendo fillos a cargo. Tamén farei mención ás axudas de emerxencia social, que son axudas económicas de pagamento único destinadas a paliar necesidades extraordinarias e urxentes de persoas afectadas por situacións de emerxencia, que nalgúns casos tamén contan con fillos que manter e a escaseza ou carencia de ingresos fai que se atopen nunha situación de necesidade.


A Fundación Amigos de Galicia préstalles a axuda de alimentos a aqueles colectivos indicados arriba que, por diversos motivos, se atopan nunha situación de necesidade social. A axuda consiste nun paquete de alimentos que está composto por produtos básicos tales como: arroz branco, pasta, aceite, leite UHT, leite en pó, leite de continuación para bebés, azucre, madalenas, garavanzos, lentellas, fabas, cacao, fariña, natillas, carne, conservas, ovos, tomate frito, chourizo, queixo, arroz con leite, galletas, cereais, batidos, patacas, polo, froita, peixe conxelado, croquetas, verdura conxelada, polbo, etc. Tamén teñen dereito a percibir, por parte da Fundación Amigos de Galicia, roupa e produtos para a súa hixiene persoal, así como leite infantil e cueiros no caso de que precisaran deles.


Cerca de 5.000 persoas viven da Renda de Inserción Activa de Galicia. Moitas delas teñen que pagar aluguer ou hipoteca e manter ós seus fillos. Así, cabe destacar o caso dunha muller na cidade de Pontevedra, que resultado da crise económica quedou de repente sen emprego, e que debido a súa idade está no límite da franxa de idade de menor índice de colocación. Por todo isto, a muller tivo que contentarse cunha axuda que non chega a 500 € e estirar deles para pagar o aluguer e manter as súas dúas fillas en idade escolar. Dende a Fundación Amigos de Galicia entregáselle mensualmente o paquete con alimentos básicos, considerado por ela de gran axuda dado que así pode facer fronte a outros pagos.