ESTATUTOS DA
FUNDACIÓN AMIGOS DE GALICIA

Reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria os/as membros do Padroado, acordan adaptar os Estatutos da Fundación Amigos de Galicia á Lei 12/2006 do 1 de decembro de Fundacións de interese galego, baixo as seguintes disposicións xerais:

 

TÍTULO PRIMEIRO
DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Denominación e natureza
Ao abeiro do dereito recoñecido no artigo 34.1 da Constitución Española, coa denominación de "Fundación Amigos de Galicia", a anteriormente chamada "Fundación Amigos de Galicia. O Grelo", constitúese nunha organización de natureza fundacional de interese galego, constituída sen ánimo de lucro; o patrimonio da cal está afectado de modo duradeiro á realización dos fins de interese xeral propios da institución.

Artigo 2.- Personalidade e capacidade.
A Fundación constituída, unha vez inscrita no Rexistro de Fundacións de interese galego ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, podendo realizar en consecuencia todos aqueles actos que sexan necesarios para o cumprimento da finalidade para a que foi creada, con suxeición ao establecido no Ordenamento Xurídico.

Artigo 3.- Réxime
A Fundación ten carácter permanente e a súa duración será indefinida.
A Fundación rexerase pola Lei do Parlamento de Galicia 12/2006 do 1 de decembro de Fundacións de interese galego, polo Decreto 248/1992 do 18 de xuño polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de interese galego en todo aquilo que non se opoña á Lei anterior, ou no seu caso polas disposicións que as substitúan; pola vontade do Fundador, polos presentes Estatutos e polas normas e disposicións que en interpretación e desenvolvemento dos mesmos estableza o Padroado.

 

Artigo 4.- Domicilio
O sede central da Fundación Amigos de Galicia radica no territorio de Galicia, en Rúa Betanzos, 18-1º D, C.P. 15703 de Santiago de Compostela, dispoñendo dun centro en Vilagarcía de Arousa, Avenida da Mariña, 182-1º C, C.P. 36600 de Vilagarcía de Arousa, outro centro en Rábade-Lugo e un terceiro no Polígono de San Ciprián de Viñas en Ourense. O Padroado poderá promover o cambio de domicilio, mediante a oportuna modificación estatutaria, con inmediata comunicación ao Protectorado, na forma prevista na lexislación vixente.

 

Artigo 5.- Ámbito de actuación
A Fundación desenvolverá as súas actividades principalmente en Galicia. Aínda que algunhas das súas actividades pódense realizar en territorio español e América.


TÍTULO SEGUNDO
OBXECTO DA FUNDACIÓN



Artigo 6.- Fins

1. A Fundación Amigos de Galicia ten por obxecto promocionar a identidade galega, a lingua, as artes, a cultura e as tradicións e potenciar a obra dos autores noveis, que serán os futuros artistas e autores de Galicia.
2. Potenciar o turismo de Galicia e a súa gastronomía.
3. Atender as persoas sen recursos de Galicia, en especial familias con nenos, persoas dependentes, mulleres víctimas da violencia de xénero, drogodependentes, persoas maiores. Colaborar económica e materialmente con centros de atención a discapacitados, centros de menores, de persoas maiores e, en xeral, ás familias con poucos recursos que residan en Galicia. Fomentando a rehabilitación e a inserción social das víctimas da pobreza e da exclusión social.
4. Contribuír a paliar as dificultades económicas dos galegos na emigración en América.
5. Potenciar o voluntariado social.
6. Patrocinar premios que estimulen todos estes fins.

7. Contribuír á cooperación para o desenvolvemento, segundo establece o artigo 2 da Lei 3/2003, do 19 de xuño.

8. Atención con carácter preferente aos eidos de actuación de persoas maiores, persoas con discapacidade e trastornos.

9. Fomentar a inserción laboral das persoas a través de accións de orientación llaboral, organización de cursos de formación para desempregados ou persoas que se atopan en risco ou en situación de exclusión social, e técnicas de búsquea de emprego.

 

Artigo 7.- Actividades Fundacionais
Actividades que promocionen a identidade galega, premio literarios, de pintura, publicacións.
Actividades que promocionen o turismo de Galicia e súa gastronomía. Organización de premios gastronómicos e feiras ou festas de exaltación de productos autóctonos.
Acións dirixidas a inserción social das persoas sen recursos, concesión de axudas de emerxencia, información e orientación sobre os recursos sociais, acompañamento.
Actividades de sensibilización social e fomento do voluntariado social.
Concesión de premios que estimulen os fins fundacionais.

 

Artigo 8.- Liberdade de actuación
O Padroado terá plena liberdade para determinar as actividades da Fundación Amigos de Galicia, tendentes á consecución daqueles obxectivos concretos que, a xuízo daquel e dentro do cumprimento dos seus fins, sexan os máis adecuados ou convenientes en cada momento.

 

TÍTULO TERCEIRO
REGRAS BÁSICAS PARA A APLICACIÓN DOS RECURSOS AO CUMPRIMENTO DOS FINS FUNDACIONAIS E PARA A DETERMINACIÓN DOS BENEFICIARIOS

Artigo 9.- Destino das rendas e ingresos
Á realización dos fins fundacionais deberá ser destinado, a lo menos, o setenta por cento dos resultados das explotacións económicas que se desenvolvan e dos ingresos que se obteñan por calquera outro concepto, deducidos os gastos realizados para a súa obtención, debéndose destinar o resto a incrementar a dotación fundacional ou a reservas, segundo acordo adoptado polo Padroado. Non se incluirán no cálculo dos ingresos as doazóns recibidas en concepto de dotación.
Os gastos de administración non poderán superar a porcentaxe fixada na lexislación vixente.


Artigo 10.- Beneficiarios/as
Serán beneficiarios/as da Fundación Amigos de Galicia as persoas físicas e xurídicas que reúnan as condicións seguintes:
a)Comprometerse á defensa da identidade galega.
b)Carecer de recursos económicos para cubrir as necesidades básicas de subsistencia.
A determinación dos/as beneficiarios/as será efectuada polo Padroado con criterios de imparcialidade e non discriminación.


TÍTULO CUARTO
GOBERNO DA FUNDACIÓN. O PADROADO

Artigo 11.- Natureza
O Padroado é o órgano de Goberno, representación e administración da Fundación, e executará as funcións que lle corresponden con suxeición ao disposto no ordenamento xurídico e nos presentes Estatutos.

 

Artigo 12.- Composición
O Padroado quedará composto por un mínimo de tres e un máximo de vintecinco membros. O actual Padroado confórmano os/as seguintes patróns/as:
PRESIDENTE: D. Luís Rial Suárez,

VICEPRESIDENTE POR A CORUÑA: D. Miguel Pampín Rúa, VICEPRESIDENTE POR LUGO: D. Antonio Camacho Agredano, VICEPRESIDENTE POR OURENSE: D.Alejandro Rubín Carballo, VICEPRESIDENTE POR PONTEVEDRA: D. Rafael Mourelos Rodiño

SECRETARIO: D. Antonio Costa Sánchez,
TESOREIRO E PORTAVOZ: D. Emilio Santasmarinas Raposo

RELACIÓN COS MEDIOS DE COMUNICACIÓN: D. Javier García Sánchez

ASESOR XURÍDICO: D. Manuel Martín Gómez
VOCAIS:

Dna. Emma González Diéguez,

Dna. Mª Hortensia Vázquez López,

D. Armenio Martínez Lema,
D. Francisco Argibay Caamaño,

D. Antonio Gil Mouriño,

D. Víctor Otero Prol,

D. José Núñez Beloy,

D. Ángel Carral Ferreiro,

D. Santos Héctor Díaz Freire,

D. Gerardo Liñares Liñares,
D. Manolo Gómez Eiroa,
D. Saturnino Cuquejo Iglesias,

D. Manuel Rey Touriño,
D. Elías Pazos García,

D. José Julio Vascuas Canicoba
Dna. Gloria Rodríguez Moirón

PATRONOS DE HONRA:
D. Roberto Araújo Cortegoso,

Novacaixagalicia

 

Artigo 13.- Duración do mandato
Os/as patróns/nas desempeñarán as súas funcións por períodos de seis anos, renovándose por metades cada tres anos, podendo ser reelixidos.

 

Artigo 14.- Nomeamento e substitución dos/as patróns/nas.
O nomeamento dos/as patróns/nas, tanto para completar o máximo de membros como para cubrir as vacantes que se produzan, será competencia do Padroado.
O prazo para cubrir as vacantes será de seis meses dende que se produza a vacante.
Os acordos para nomear patróns/nas deberán ser aprobados por dous tercios dos membros do Padroado na Asemblea Xeral.
A substitución dos patróns/nas comunicaráselle formalmente ao Protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

 

Artigo 15.- Aceptación do cargo de patrón
Os/as patróns/nas entrarán a exercer as súas funcións despois de teren aceptado expresamente o seu cargo. Esta aceptación poderá constar no outorgamento da Carta Fundacional, en documento público independente, en documento privado con sinatura lexitimada por un fedatario público, mediante comparecencia realizada ante o Rexistro
de Fundacións de interese galego, ou perante o Padroado, acreditándose mediante certificación expedida pola Secretaría.
A aceptación comunicarase formalmente ao Protectorado para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións.

 

Artigo 16.- Cesamento dos/as Patróns/nas
O cesamento dos patróns/nas da Fundación producirase nos seguintes supostos:
a)Por morte ou declaración de falecemento, así como extinción da persoa xurídica.
b)Por incapacidade, inhabilitación ou incompatibilidade, de acordo co establecido na Lei.
c)Por cesamento no cargo por razón do cal foron nomeados membros do Padroado.
d)Por non desempeñar o cargo coa dilixencia dun representante leal, se así se declara en resolución xudicial.
e)Por resolución xudicial que acolla a ación de responsabilidade polos actos de responsabilidade establecidos legalmente.
f)Polo transcurso do prazo de seis meses dende o outorgamento da escritura pública.
g)Polo transcurso do período do seu mandato se foren nomeados/as por un tempo determinado.
h)Por renuncia, que poderá levarse a cabo por calquera dos medios e mediante os trámites previstos para a aceptación.
A renuncia será efectiva dende o momento que se lle notifique ao órgano de goberno da Fundación.
O cesamento dos patróns/nas comunicarase formalmente ao Protectorado e inscribirase no Rexistro de Fundacións.

 

Artigo 17.- Organización do Padroado
O Padroado designará de entre os seus membros unha presidencia, vicepresidencia se é o caso, e a secretaría. Estes acordos adoptaranse por maioría de dous tercios dos seus membros na Asemblea Xeral.

 

Artigo 18.- Presidencia
Correspóndelle á Presidencia exercer a representación da Fundación ante toda clase de persoas, autoridades e entidades públicas ou privadas; convocará as reunións do Padroado, presidiraas, dirixirá os seus debates e, se é o caso, executará os acordos, podendo para isto realizar toda clase de actos e asinar aqueles documentos necesarios para tal fin.
As Elecións á Presidencia realizaranse con trinta días de antelación ao cese no seu cargo do mandato do/a actual Presidente/a, podéndose presentar calquera patrón/na, que o terá que facer con quince días anteriores á Eleción, presentando a súa candidatura por escrito nas oficinas da Fundación.

 

Artigo 19.- A vicepresidencia
Correspóndelle á Vicepresidencia realizar as funcións da Presidencia nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, podendo actuar tamén en representación da Fundación naqueles supostos en que así se determine por acordo do Padroado.

 

Artigo 20.- A Secretaría
Son funcións da Secretaría custodiar a documentación pertencente á Fundación, redactar as actas correspondentes ás reunións do Padroado, expedir as certificacións e informes que sexan necesarios e todas aquelas que expresamente lle sexan atribuídas.
Nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, a Secretaría será exercida polo/a vocal de menor idade do Padroado.
As Elecións á Secretaría realizaranse con trinta días de antelación ao cese no seu cargo do mandato do/a actual, podéndose presentar calquera membro do Padroado, que o terá que facer con quince días anteriores á Eleción, presentando a súa candidatura por escrito nas oficinas da Fundación.

 

Artigo 21.- A Tesourería
A Tesourería terá as obrigas de custodiar os fondos da Fundación, dos que será responsable dende que os reciba, non dispoñendo deles máis que para atencións da mesma, sen reter maior cantidade que a que se estime para os pagos correntes, debendo o seu exceso ingresarse en establecementos bancarios designados polo Padroado da Fundación.

 

Artigo 22.- Facultades do Padroado
Na súa situación, o Padroado deberase axustar ao preceptuado na lexislación vixente e á vontade do fundador manifestada nos Estatutos.
Corresponde ao Padroado cumprir os fins fundacionais e administrar con dilixencia os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo plenamente o seu rendemento e utilidade.
Con independencia das funcións que lle atribúen os presentes Estatutos e sen prexuízo de solicitar, se é o caso, as preceptivas autorizacións ao Protectorado, a título meramente enunciativo, serán facultades do Padroado:
a)Exercer o Goberno, a representación, inspeción, vixilancia e orientación da Fundación.
b)Interpretar e desenvolver os presentes Estatutos e, se é o caso, adoptar acordos sobre a súa modificación, de acordo cos requisitos establecidos na lexislación vixente.
c)Fixar as liñas xerais sobre a distribución e aplicación dos fondos dispoñibles entre as finalidades da Fundación.
d)Acordar a apertura e peche dos seus centros, oficinas e delegacións.
e)Nomear apoderados xerais ou especiais, outorgar poderes así como a derrogación dos mesmos.
f)Aprobar o plan de actuación e as contas anuais obxecto de presentación ao Protectorado.
g)Delegar as súas facultades en un/unha ou máis patróns/nas, sen que poidan ser obxecto de delegación:
A aprobación das contas anuais e o plan de actuación.
A modificación dos Estatutos.
O acordo de fusión, extinción ou liquidación da Fundación.
Calquera acto que precise a autorización ou aprobación do Padroado.

 

Artigo 23.- Reunións do Padroado e a súa convocatoria
O Padroado reunirase, a lo menos, dúas veces ao ano e tantas veces como sexa preciso para a boa marcha da Fundación.
Corresponde ao Presidente convocar as reunións, por propia iniciativa ou a petición as 2/3 partes do membros do Padroado.
A convocatoria farase chegar a cada un dos membros, a lo menos, con cinco días de anticipación á data da súa celebración, por calquera medio que permita deixar constancia da súa recepción. Nela farase constar o lugar, día e hora de celebración da reunión, xuntándose asemade, a Orde do día.
Non será precisa convocatoria previa canto se atopen presentes todos os/as patróns/nas e acorden por unanimidade a celebración da reunión.

 

Artigo 24.- Formas de deliberar e adoptar acordos
As reunións do Padroado entenderanse validamente constituídas cando concorren a elas presentes ou representados, na forma legalmente establecida, a lo menos, a menos a metade máis un dos seus membros.
Os acordos serán inmediatamente executivos e adoptarase por maioría absoluta dos asistentes, sendo dirimente en caso de empate o voto do/a Presidente/a. Non obstante requirirase voto favorable das 2/3 partes sempre que, ademais, supoña a maioría absoluta dos seus membros para aprobar acordos que se refiran á reforma, modificación dos Estatutos, á disposición de bens a título gratuíto, á fusión e á extinción da Fundación.
Das reunións do Padroado levantarase polo Secretario a correspondente acta, que deberá ser aprobada por tódolos membros presentes e aprobada na mesma ou seguinte reunión. Unha vez aprobada transcribirase no correspondente libro de actas e será asinada polo Secretario co visto e prace do Presidente.

 

Artigo 25.- Dereitos e obrigas dos membros do Padroado
Son dereitos dos membros do Padroado:
a)Recibir a convocatoria coa Orde do día e asistir ás Xuntanza dos órganos dos que formen parte.
b)Administrar os bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación mantendo o seu rendemento, utilidade e produtividade segundo os criterios económico-financeiro dun bo xestor.
c)Asistir ás Xuntanzas do Padroado e velar pola legalidade dos acordos que nela se adopten.
d)Realizar os actos necesarios para a inscrición da Fundación no Rexistro de Fundacións de interese galego.

O Padroado dará información suficiente dos fins e actividades da Fundación para seren coñecidos polos seus eventuais beneficiarios/as e demais interesados/as.

 

Artigo 26.- Responsabilidades dos/as patróns/nas
Os/as patróns/nas deberán desempeñar o seu cargo coa dilixencia dun representante leal.
Os/as patróns/nas responderán solidariamente fronte á Fundación dos danos e perdas que causen por actos contrarios á Lei ou aos Estatutos ou polos realizados sen a dilixencia coa que deben desempeñar o cargo. Quedarán exentos de responsabilidade os que votasen en contra do acordo e os que proben que, non intervindo na súa adopción e execución, descoñecía a súa existencia ou coñecéndoa, fixeron todo o conveniente para evitar o dano ou, a lo menos, se opuxeron expresamente a aquel.

 

Artigo 27.- Carácter gratuíto do cargo de patrón/a
Os/as patróns/nas exercerán o seu cargo sen que, en ningún caso, poidan recibir retribución polo desempeño da súa función.
Os/as patróns/nas terán dereito a seren reembolsados dos gastos debidamente xustificados que o desempeño da súa función lles ocasione.

 

Artigo 28.-Consellos asesores
O Padroado poderá crear consellos asesores e de estudio, así como órganos similares con funcións de apoio e asesoramento, para o mellor desenvolvemento dos fins fundacionais.
A creación destes órganos deberá ser notificado ao Protectorado e inscrito no Rexistro de Fundacións.

 

Artigo 29.- Xerente
O Padroado poderá acordar a contratación dun director/xerente con competenciasen materia de xestión e administración da Fundación.


TÍTULO QUINTO
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 30.- Patrimonio fundacional
O patrimonio da Fundación pode estar integrado por toda clase de bens, dereitos e obrigas susceptibles de valoración económica que integren a dotación, así como por aqueles que adquira a Fundación con posterioridade á súa constitución, aféctense ou non á dotación.
Uns e outros deberán figurar a nome da Fundación, constar no inventario e no Rexistro de Fundacións.
O Padroado promoverá, baixo a súa responsabilidade, a inscrición a nome da Fundación dos bens e dereitos que integran o seu patrimonio nos rexistros públicos correspondentes.
A Fundación dispón na actualidade dun terreo de mil metros cadrados, para a construción dunha nave en réxime de propiedade no Polígono Industrial O Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa). Dúas furgonetas en réxime de propiedade, tres naves en réxime de cesión e un capital de 50.035 € en Contas correntes.

 

Artigo 31.- Dotación da Fundación
A dotación da Fundación estará integrada por todos os bens e dereitos que constitúen a dotación da Fundación e por aqueles outros que no sucesivo se acheguen con ese carácter.

 

Artigo 32.- Adscrición do patrimonio fundacional
Os bens e dereitos que conforman o patrimonio, así como as rendas que produzan, quedarán vinculados ao cumprimento dos fins que a Fundación persegue.

 

Artigo 33.- Financiamento
A Fundación para o desenvolvemento das súas actividades, financiarase cos recursos que proveñan de rendemento do seu patrimonio e, se fose o caso, con aqueles outros procedentes das axudas, subvencións ou doazóns que reciba de persoas ou entidades, tanto públicas como privadas.

 

A Fundación poderá percibir cantidades derivadas de actividades e servizos directamente prestados por ela aos seus beneficiarios sempre que:
a)Non desvirtúe o interese xeral para Galicia.
b)Non sexan contrarios á vontade fundacional.
c)Non implique unha limitación inxustificada do ámbito dos seus posibles beneficiarios.

 

Artigo 34.- Réxime financeiro
O exercicio económico coincidirá co ano natural.
A Fundación, ademais do Libro de Actas, levará necesariamente un Libro Diario e un Libro de inventarios e Contas anuais, e aqueloutros que sexan convenientes para o bo orde e desenvolvemento das súas actividades, así como para o adecuado control da súa contabilidade.
Na xestión económico-financeira, a Fundación rexerase de acordo cos principios e criterios xerais determinados na normativa vixente.

 

Artigo 35.- Elaboración do Plan de actuación e presentación das Contas anuais.
O Padroado elaborará e remitirá ao Protectorado nos últimos tres meses de cada exercicio, un Plan de actuación no que se conteñen os obxectivos e as actividades que se teña previsto desenvolver no exercicio seguinte.
O Padroado ou a persoa que este designe, formulará as contas anuais que deberán ser aprobadas polo Padroado no prazo de seis meses dende o peche do exercicio económico e presentarase ante o Protectorado no prazo de vinte días hábiles seguintes á súa aprobación para o seu exame e posterior depósito no Rexistro de Fundacións de interese galego.
As contas anuais, que comprenden balance, conta de resultados e memoria, forman unha unidade, deben ser redactadas con claridade e mostrar a imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira e dos resultados da Fundación.
A memoria completará, ampliará e comentará a información contida no balance e na conta de resultados, e incorporará un inventario dos elementos patrimoniais da Fundación. Ademais incluirase na memoria as actividades fundacionais, os cambios no órgano de goberno, dirección e representación, así como o grao de cumprimento do Plan de actuación, indicando os recursos empregados, a súa procedencia, o número de beneficiarios/as en cada unha das distintas actuacións realizadas, os convenios que no seu caso se subscribiran con outras entidades para estes fins, así como o grao de cumprimento do destino das rendas e ingresos.
Se a Fundación se atopa dentro dos requisitos legais establecidos, os documentos anteriores someteranse á auditoría externa, remitindo ao Protectorado o informe da mesma xunto coas contas anuais.


TÍTULO SEXTO
DA MODIFICACIÓN, AGREGACIÓN OU EXTINCIÓN

 

Artigo 36.- Modificación dos Estatutos
Por acordo do Padroado, poderán ser modificados os presentes Estatutos, sempre que resulte conveniente aos intereses da Fundación e se cumpran os requisitos previstos na lexislación vixente. Procederase a dita modificación cando as circunstancias que presidiron a constitución da Fundación tiveran variado de tal maneira que esta non poda actuar satisfactoriamente de conformidade cos Estatutos en vigor.
Para a adopción de acordos de modificación, será necesario o voto favorable das 2/3 partes dos asistentes á reunión, sempre que supoña a maioría absoluta dos membros do Padroado.
A modificación ou nova redacción dos Estatutos acordada polo Padroado deberá ser comunicada ao Protectorado, formalizada en escritura pública e inscrita no Rexistro de Fundacións de interese galego.

 

Artigo 37.- Fusión con outra entidade
A Fundación poderá fusionar con outras ou outras, logo de acordo dos respectivos Padroados.
O acordo de fusión deberá ser aprobado co voto favorables das 2/3 partes dos asistentes á reunión, sempre que supoña a maioría absoluta dos membros do Padroado. A fusión requirirá comunicación ao Protectorado, formalización en escritura pública e inscrición no Rexistro de Fundacións de interese galego.

 

Artigo 38.- Extinción da Fundación
A Fundación extinguirase polas causas e de acordo cos procedementos establecidos pola lexislación vixente.

 

Artigo 39.- Liquidación e adxudicación
A extinción da Fundación determinará a apertura do procedemento de liquidación que será realizado polo Padroado baixo o control do Protectorado.
Os bens e dereitos resultantes da liquidación destinaranse ás fundacións ou entidades non lucrativas privadas ou públicas que persigan fins de interese xeral e que teñan afectados os seus bens, mesmo para o suposto da súa disolución, á consecución daqueles, consideradas como entidades beneficiarias do mecenado aos efectos previstos nos artigos 16 e 25 ambos inclusive, da Lei 49/2002 de 23 de decembro.
Corresponde ao Padroado designar as entidades receptoras destes bens, de acordo co establecido na lexislación vixente.


CLÁUSULA ADICIONAL

En todo o caso, o previsto nos presentes Estatutos non implica limitación ou substitución nas competencias que ao Protectorado atribúe a lexislación vixente, e moi especialmente en relación coas autorizacións ou limitacións a que a Fundación expresamente se somete.