TRAPERO PARDO E GALICIA

Xosé Trapero Pardo
 

Si eu conoscera e tratara con confianza ó persoaxe que dizque se chama PELUDEZ, astiveríame a preguntarlle a súa opinión sobre ista homaxe e nomeamento de GRAN MAESTRE DE O GRELO, que, pasándose de medida, me están facendo. Seguro que íl me diría:

“-¡Non te poñas chufón coidando que tés méritos pra iso!. Que o verdadeiro mérito está na bondade e no agarimo con que os argalleiros de O GRELO armaron o nomeamento. I tamén nos que, por bondade, se deixaron contaxiar por iles, i están eiquí presentes i nos que, de algún xeito, se uniron a ista homaxe.

“Si verte arrodeado de tantas amigas i amigos tés tan pouco senso que te montas no cabalo da presumición ¡apéate, meu rulo!. Pon os pés no chan. Pro non esquenzas a obriga de agrasdecer a todos o favor que che fixeron i están facendo.

Iso diríame o persoaxe, que será un vaina, pro que tén, como teñen nosos labregos, o mérito de saber encarar con bon senso as cousas da vida. Por iso sigo o seu xusto consello, i ós eiquí presentes, i á cantos se uniron de algún xeito a ista reunión, direilles:

¡Amiguiñas i amiguiños, que me facedes a honra de arroupar con xenerosidade i coa calor con que tratades de eloxiarme, a friaxe da miña pequeneza; sabede que, mentres viva, e inda que sei que os nosos paisanos din ben cando aseguran que “ Desque o sol se pón, pouco día queda ”Eu, sexa o que sexa o tempo que Dios me deixe, terei sempre viva na memoria ista data i con ela o agradecemento á vosa bondade e paciencia.

Agradecemento especial ó señor Campos, Presidente de O GRELO, i ós membros da Sociedade que acolle xentes non só da nosa provincia, senón de outras i até do extranxeiro. Gracias, señor Presidente i amigo, polas suas garimosas verbas, coas que escarabellou tanto na miña vida que fixo sembrarme de cousas que xa tiña esquecido. ¡Graciñas, e que siga poñendo vento entusiasmo nas velas disa lancha de O GRELO para que navegue avanzando polos mares da Cultura!

A xente, que esquence que a sociedade se chama CULTURAL E GASTRONÓMICA, ó escuitar o nome de O GRELO, deseguida vencella a idea das follas do nabo de Lugo co lacón. I coida que a angulema dos socios está en darlle ó dente, canto máis millor… ¡E sí!. Tamén de cando en cando é bon xuntarse ó redor dunhas fontes de lacón con grelos, ou dunhas truitas, ou dunhas perdices. Así cóllense forzas i ánimos para tratar os temas de Cultura que a Asociación pide, i son máis seguras as iniciativas. Que por algo os psicosomáticos din que, para curar de verdá a un enfermo hai que atenderlle ó corpo, pro hai que atenderlle ó corpo, pro hai que somorgullar tamén no vital, nos recunchos do esprito, para que o corpo marche ben. De eiquí que se faga verdad nas xuntanzas da Asociación o dito popular: “Comeredes porco e estaredes todos de acordo” . Eisí nasceron acordos de O GRELO, que tenden a reforzar a Cultura galega, procurar facer nascer entidades que dían pulo á nosa economía, e ver qué concursos, qué visitas culturais poden facerse. ¡En fin, que Cultura e Gastronomía non son duas ideais antitéticas, senón comprementarias. Que por algo o pobo sabía que “O BON TRABALLAR PIDE O BEN COMER”

Agrasdecemento a Manoel María i a aperta de amigos. Non de amigos vellos, porque entre nós a amistade colle pulos cada día. Ambos conocémonos xa de cando él, mozo novo, estaba vivindo “a cada intre” a súa estrenada xuventude. Pro ó mesmo tempo “morría a cada intre”, no senso romántico e literario co que escomenzaba a sua andadura triunfal polos eidos da Poesía i das Letras Galegas.

Isa amistade, que non envellece, está probada agora coa presencia eiquí dun poeta i amigo, i coas súas verbas ás que a amistad elles deu ise pulo que acabades de ouvir.

Pro non debedes de esquencer iso de que “O amigo non atopa defectos no amigo”, pois inda ás veces nos mesmos defectos atopa bondades. I hai que lembrarse asimesmo que Manoel María, pola gracia de Deus y vocación, todo o poetiza. I sabido é que, como se tén dito: “ O poeta fai cor de ceo ós ollos máis prétos”.

Por iso niste agrasdecemento a Manoel María quédome co que as súas verbas teñen de amigo i de poeta.

 

Tenho, irmao, maduro o corazón

para gardar nél as verbas tuas.

 

I eiquí estou agora.

E teño que preguntarme: -¿Qué viron en mino u nos meus traballos os amigos?...¿Qué os puido mover para erguerme a outura de nomearme MESTRE DA ORDEN DO GRELO?

O que sei de certo –eso sí- é que os membros da Asociación non me deron esa distinción porque coiden que eu sexa un fervente devoto da mesa ben carretada de municións de boca, nin porque pensen que me gusta demáis o gotiño. Iles saben que eu, ademáis de neurasténico, son abstemio, i saben que non teño as sinais que o pobo asina ós amigos do morapio, pois dí:

“ O bon bebedor de viño, leva a marca do oficio no fuciño”

Sí sei que os membros da Asociación de O GRELO que, como eu, non tén vínculos políticos, mental é a que a iles i a min nos moven, como vento move as nabizas i os grelos nos leiros; que é a de pretender empuxar o ensino; millorar ás xentes i ás terras; levar a toda a rexión o renovamento de canto sexa preciso e non quite identidade a galeguidade.

Doilles o atraso nos nosos campos e queren dar a conocer xeitos novos de cultivalos i de cuidar o gando. Dalles ledicia ver surxir Xóvenes agricultores. I doilles ver como ainda unha señora Filomena sigue sachando e calexando, cargando ó lombo feixes de herba e traballando na terra da que é escrava. Todo isto e muito máis é o que move ós asociados de O GRELO na sua finalidade. Que, por certo, eu lembro ó contemprar a artística peza que me oferecen, pois ela resume para min os anceios de todos os galegos espallados polo mundo.

Ises galegos que eu atopei en cidades de Europa i de América, todos lembrándose da súa terra i amosando o desexo de voltar, inda estando vencellados xa por negocios e familia a terra onde vivían. Ista peza, que eu gardarei como agarimo voso, pró tamén como unha xuntanza dos galegos todos de diáspora.

Agora pregúntome:- ¿Qué levo feito e una leira da Cultura que O GRELO cultiva?. E digo:- Fixen só o pouco que puiden facer escribindo i falando. Que son ises dous vicios - ¡teño outros meirandes!- que manteño sin poder deixalos.

A causa –non lle chamarei culpa-distes vicios tívoa o virus que se meteu en min cando, xa de neno, sentía curiosidade por mirar os diarios que ó meu Castro das Ribeiras do Lea cegaban de Lugo. Máis con humildade confeso que entón o meu intrés non estaba nos anuncios que os diarios traguían, porque tiñen debuxos i as letras máis grandes. ¡Inda hoxe me lembro do da Fábrica de Travadelo i o do aceite de fígado de Bacalao, tanto polas que pasei para tomar o xarabe, como porque o anuncio traguía o debuxo dun home con un grande bacalao ó lombo.

Dende entón non puiden curarme daquel virus. As letras i o dar á lengua foron meu oficio, miña distracción i ás veces o meu problema, pois, como di un refrán: O saber lér, da ás veces muito que tecer, i o ler pode dar pezas boas e tamén pezas malas, como lles pasa ás tecelanas que non manexan ben os fios i as lanzadeiras. I eisí, sacha que sacha , vin eu a traverso dos anos – quen non fai falla que os diga, que xa outros se encargan de ir contándomos, como me pasou o xoves na T.V. galega onde había un cento de mulleres, y si eu fora un disos que chamán “ligós”, podería perxudicarme -que soupesen meus anos, istes meus anos, que, gracias a Dios, inda me dan permiso para que, de cando en vez, escriba algo ou bote unha parolada de cousas que teñan relazón coa terra galega, i, sobre todo con ista terra luguesa que da as follas sabrosas do nabo de Lugo, que dan nome a ASOCIACIÓN CULTURAL E GASTRONÓMICA DE O GRELO. Ista Asociación que hoxe me deu máis ánimo para seguir sachando neste eidos. Y non digo máis. So quero rematar dicindo: ¡Amiguitas e amiguitos presentes i ausentes!:

¡Que Dios volo pague!

E ¡graciñas a todos!.

 
 
 
 
 
 
   
   
   
 
Oficina Central: Rúa de Betanzos, 18-1ºD
15700 Santiago de Compostela (A Coruña)
Telf. 981 576 034 Fax. 981 555 118
informacion@fundacionamigosdegalicia.org