O movemento guerrilleiro en Galicia, ademais da súa loita armada baseada esencialmente no derrocamento da ditadura franquista e na instauración da República e das liberdades democráticas, contou tamén cunha ampla cobertura en prensa e máis en publicacións orientativas da loita guerrilleira que se estaba a levar.
Entre os periódicos que os maquis empregaban, tanto para a difusión das noticias entre eles como para darllas a coñecer ao pobo, habería que citar Senda Guerrillera , Vida guerrillera , Nova Galiza , El guerrillero e mais a versión galega de Mundo Obrero . A isto habería que engadir os denominados “Partes de guerra”, que non eran outra cousa que panfletos para lanzar tras dalgunha actuación bélica e as publicacións destinadas aos propios guerrilleiros, con consellos e ensinanzas para a loita de guerrillas.
Dúas cousas resaltan á primeira ollada nestas publicacións: malia levar a meirande parte delas o título en galego e facer continuas referencias a Galicia e á loita de guerrillas nesta terra, ningunha se publicaba en galego, senón, pola contra, en español.
Doutra banda, todas elas, salvo excepcións, caracterizábanse polo seu carácter eminentemente artesanal, xa que eran escritas a máquina e empregaban, como moito, dous ou tres papeis de calco, para facilitar a produción dun maior número de exemplares, aínda que, iso si, sempre de tiradas reducidas.
Un exemplo claro do carácter rudimentario destas publicacións témolo en Senda guerrillera , que se define na súa cabeceira do número oito, correspondente ao 30 de xuño de 1948, como Periódico mural del destacamento Manuel Eibe . Tratábase, con toda seguridade, dunha publicación destinada, en gran medida, a ser colocada nos adros parroquiais para que fose lida á entrada ou á saída da misa. Así, o número citado anteriormente ábrese cun artigo firmado por A. Veiga, titulado Los católicos ante el régimen franquista , no que chama aos católicos á unión contra Franco e a Falanxe.
Nese mesmo exemplar, inclúese outro artigo, asinado por R. Alonso, relembrando o seu ingreso nas guerrillas; outro, que firma M. Bastida, chamando ao pobo a lles prestar apoio aos guerrilleiros e outros dous, asinados por A. Jaspe e J. Vilariño, nos que se chama aos futuros soldados de reemprazo a rebelarse contra do exército de Franco. Tamén se inclúe un comentario de A. Jaspe sobre as desfeitas dos gardas de abastos e un poema de R. Alonso, titulado Despertade que aínda hai tempo , que constitúen as dúas únicas colaboracións escritas en galego.
VIDA GUERRILLERA
Outra das publicacións, Vida guerrillera , é tamén un claro exemplo de prensa artesanal. Facíase en máquina de escribir e con copias feitas con calco; a cabeceira, onde se ve un hórreo en primeiro plano, seguido dun barquiño navegando polo mar e montañas ao fondo é debuxada totalmente á man, en cor vermella, e nótanse ben as diferenzas do traballo feito á man, ao comparar entre varios exemplares.
Na súa cabeceira, este periódico defínese como Boletín de orientación de las guerrillas de Galicia. É, maiormente, unha publicación teórica destinada especialmente aos guerrilleiros e nel nótanse claramente os sistemas operativos e organizativos do PCE. Así, no número correspondente ao 24 de abril de 1948, inclúese unha carta da Pasionaria aos guerrilleiros galegos, así como experiencias de loita, fallas e debilidades e mesmo como se teñen que redactar os partes e os informes e no número correspondente ao día 30 do mesmo mes e ano que no anterior, inclúense, mesmamente, medios prácticos de orientación polo sol, as estrelas ou o reloxo, que se complementan cuns gráficos debuxados totalmente á man, aínda que neste caso en tinta negra, que contrasta co azul do texto, cor motivada polo papel de calco.
NOVA GALIZA
Outra publicación que xira ao redor do novo partido comunista é Nova Galiza , unha revista feita, coma as anteriores, de xeito artesanal e con moitas horas de máquina de escribir, pero neste caso leva a súa pequena cabeceira, na que se ven as bandeiras vermella e galega e un barquiño de vela ao fondo, feita en imprenta.
Posiblemente se lles facilitasen aos guerrilleiros as follas en branco coa cabeceira xa feita e eles, nas longas horas de espera e refuxio, enchíanas a máquina facendo copias con calco, como nas anteriores publicacións. Definíase como Revista antifranquista de combate .
A periodicidade desta publicación, coma nas outras, era bastante irregular, aínda que nesta, en concreto, figuran dous números correspondentes ao 25 de abril de 1948. Nun dos números recóllense artigos de Dolores Ibarruri, Enrique Líster e un tal Calixto, mentres que no segundo arremétese, con carácter monográfico, contra o anarquismo e mais o anarco-sindicalismo español, cunha ampla análise que fai Serafín Aliaga, un ex-militante anarquista durante a República, pasado posteriormente ás filas comunistas.
Outros números de Nova Galiza insisten no carácter mitineiro e teórico que caracteriza esta publicación. Así, no número correspondente ao 5 de maio de 1948, recóllense artigos de Santiago Carrillo e Federico Melchor, mentres no número correspondente ao 10 de outubro de 1948, J. Blanco teoriza sobre a clase obreira e o seu partido dirixente, e refírese, que dúbida hai, ao PCE.
EL GUERRILLERO
Esta publicación xa non resulta tan artesanal como as anteriores, pois toda ela vén feita de imprenta. Definida na súa cabeceira como Órgano del Ejército Guerrillero de Galicia , foi fundada en Santalla, unha pequena vila da provincia de Ourense, preto do Barco de Valdeorras, tal como fai constar Carlos G. Reigosa, no seu libro El regreso de los maquis .
El Guerrillero era xa unha publicación destinada sobre todo a informar o pobo das actividades guerrilleiras, aínda que non se libraba do seu adoutrinamento político, como é o caso do número correspondente ao 18 de abril de 1948, onde se inclúe unha carta de Dolores Ibarruri aos guerrilleiros galegos. Pola contra, nun número anterior, o correspondente ao 25 de marzo de 1948, vén cheo de noticias de actividades guerrilleiras. Entre elas, e baixo o título de Sabotaje guerrillero , infórmase da acción levada a cabo o 27 de decembro de 1947 por guerrilleiros da terceira agrupación na estación de tren de Rubián, na provincia de Lugo, para o que contaron co apoio da segunda guerrilla que, ao mando de José Castro Veiga, O Piloto , destruíron un vagón cargado de ferrollos de fusil. Esta foi a maior fazaña do Piloto durante a súa longa vida de guerrilleiro.
O prezo de venda de El Guerrillero , segundo se fai constar na cabeceira, era de cincuenta céntimos.
MUNDO OBRERO
Finalmente, dentro da prensa guerrilleira queda por salientar Mundo Obrero , editado polo Partido Comunista de España, tal como constaba na súa cabeceira, e que en Galicia circulaba en dúas versións: a enviada directamente dende o exterior, feita en imprenta, e a editada en Galicia, cuxa cabeceira se imprimía en vermello, cun tampón feito de madeira, mentres que o texto se facía a máquina con papel de calco para as copias.
De todos os xeitos, ambos os dous recollían actividades guerrilleiras de toda España e, así, en Mundo Obrero editado no exterior e correspondente ao 14 de abril de 1948, recóllense dúas noticias referidas a Lugo: unha delas, o negocio de estraperlo que tiña o alcalde cos cochos que requisaba; a outra, referente a unha información na que se recolle a protesta dos labregos ante as contribucións establecidas polas terras.
Pola contra, o número editado polo Comité de Galicia do Partido Comunista de España, correspondente ao 28 de agosto de 1948, informa da pronta constitución do Consejo Nacional Gallego de la Resistencia , mentres no seu número correspondente ao mes de outubro dese mesmo ano arremete “contra la farsa de unas elecciones municipales”, que se ían celebrar proximamente.
OUTRAS PUBLICACIÓNS
Finalmente, habería que salientar outras publicacións elaboradas polas agrupacións guerrilleiras que operaban en Galicia. En primeiro lugar, habería que citar as ordes de campaña, panfletos feitos a máquina, con papel calco para as copias, e que levaban un cuño, feito artesanalmente polos propios guerrilleiros, nos que se facía constar quen eran os autores deste. Algúns que eu teño figuran co cuño da xefatura provincial de Lugo ou de Ourense e fan constar, ademais, as palabras “Ejército de liberación. Agrupación de guerrillas”.
Estas ordes de campaña non eran outra cousa ca ameazas contra os elementos do fascio máis activo ou mesmo contra as autoridades franquistas, tal como se recolle na orde de campaña dada en Lugo o 16 de maio de 1948, no que se fan responsables os alcaldes, xefes da falanxe e outras autoridades, das represalias que poidan tomar os guerrilleiros no caso de detención ou morte dalgún deles.
Tamén había outros panfletos, feitos co mesmo sistema artesanal que os anteriores, que facían para dar certas opinións dos políticos antifranquistas, como é o caso do panfleto datado o día 1 de agosto de 1948, editado pola IV Agrupación Pasionaria, e que recolle un discurso da líder comunista que lle dá nome á agrupación.
Finalmente, queda por citar aquelas publicacións destinadas ao emprego interno dos guerrilleiros de cara á súa actuación na loita antifranquista. No meu poder figuran dúas destas publicacións, a titulada Enseñanzas útiles para las guerrillas e a que leva por nome 10 consejos de un veterano guerrillero .
Na primeira delas, inclúense nocións elementais de sabotaxes guerrilleiras, tales como voaduras, colocacións de artefactos, etc. e inclúese tamén un plano, debuxado á man, en papel de cebola, de como deben poñerse os artefactos na vía do tren ou nas estradas.
A segunda publicación fai referencia, maiormente, a consellos de seguridade para os guerrilleiros, aínda que se recollan outros curiosos, como os referentes á disciplina, prudencia, coidado das armas, camaradería e mesmo de hixiene e limpeza, como símbolo de boa saúde.
|