A Batalla de Montouto - Cacheiras (23-abril-1846)

RAMON VILLARES Lugar de Montouto (en Cacheiras), 22-xaneiro-1998
 
Hoxe reunímonos aquí para inaugurar este monumento á batalla de Montouto -Cacheiras-, obra dun artista singular da nosa terra, como é Víctor Corral, e contando coa presencia do Presidente do Goberno Galego, D. Manuel Fraga Iribarne.
Xa teñen pasado, Señor Presidente, algo máis de cento cincuenta anos do acontecemento que hoxe estamos a conmemorar. E foi xustamente aquí, nestas abas do Montouto que defende o Ulla do aire do norte, desde onde se pode ver todo o val de Cacheiras, a agulla do Pico Sacro e mesmo a chaira da Estrada; foi aquí, hai século e medio, cando en término de poucas horas se enfrentaron dous exércitos e tivo dous ideais, dous modos diferentes de ver o mundo. As xentes da parroquia de San Simón de Ons, agora coñecida como de Cacheiras, foron testemuña afortunada desta loita e hoxe, con este monumento, queremos renderlle tributo a aqueles loitadores románticos e idealistas, que arriscaban a vida por unha idea.
Un destes exércitos estaba mandado polo xeneral D. José de la Concha, futuro marqués del Duero, que defendía a Isabel II e á política dos moderados, representada polo "dictador" Narváez. Veu a Galicia para derrotar un pronunciamento militar, que comenzara o día 2 de abril, na cidade de Lugo, a cargo do Segundo Reximento do Batallón de "Zamora", feito no nome do progreso e da libertade.
O outro exército estaba dirixido por D. Miguel Solís y Cuetos,comandante, cabeza do pronunciamento feito en Lugo. Este pronunciamento militar fóra moi ben acollido en moitas cidades de Galicia, uníndose a el unha xeración de intelectuais "provincialistas" de Santiago e doutras cidades de Galicia. O día 15 de abril, este pronunciamento militar acabou sendo dirixido por civís, ao se constituir a XUNTA SUPERIOR PROVISORIA DE GALICIA, dirixida por dous ilustres "precursores" do galeguismo, Pío Rodríguez Terrazo e Antolín Faraldo, o noso grande romántico e provincialista.
Foi por esto que un pronunciamento típicamente militar da España do século XIX acabou sendo un levantamento de carácter galeguista, ao considerar a Galicia como o seu principal comopromiso político.
A proclama que Antolín Faraldo, secretario da Xunta Superior, escribiu o día 15 de abril, é un dos manifestos máis bonitos da prosa política galega contemporánea:

"Galicia, convertida en colonia da Corte, arrastrando ata aquí unha existencia oprobiosa, erguerase de fomentar os seus intereses materiais, abrirá as fontes de riqueza, a agricultura e o comercio serán atendidos (...). co poderoso sentimento do provincialismo, Galicia conquistará a influencia de que é merecedora, colocándose no alto lugar a que está chamado o reino dos Suevos.
Que a espada de Galicia obrigue a inclinar, por unha vez, a balanza nas que se pesan os destinos de España".


Para os que viviron aqueles acontecementos, esto era unha revolución. Por eso, unha longa tradición cultural galega en chamado a estes feitos como a revolución galega de 1846 e que hoxe coñecemos como o levantamento galeguista de 1846, dacordo coa interpretación medélica que del ten feito o historiador X. R. Barreiro Fernández.
Un dos puntos culminantes deste levantamento foi esta contenda militar, a campo aberto, entre Solís e Concha, que foi onde se decidiu a sorte do pronunciamento feito por Solís en Lugo. Esta é a importancia e mesmo a grandeza desta "batalla de Cacheiras", que se desenvolveu toda ela neste lugar de Montouto, e que constitúe unha páxina gloriosa da historia da Galicia do século pasado.
Pero, ¿qué foi o que aconteceu exactamente aquí, hai agora case 152 anos?. Lembremos brevemente como se desemvolveu esta batalla.
As tropas do xeneral Solís, que estaban en Santiago, dirixíanse cara a cidade de Vigo, o día 22 de abril xa de noite, polo camiño real de Padrón, para se uniren ás do xeneral Leoncio Rubín, que andaban polo Condado. Pero sabedor de que as tropas do xeneral Conchas viñan desde Ourense cara Santiago, Solís acordou virar, pasada xa a ponte da Rocha, en dirección a Cacheiras para facerlle frente ao exército de Concha, que durmira aquela noite na casa rectoral do cura de Vaamonde, onde seica estivo a punto de quedar eivado por caer desde o corredor en baixo, por se ter roto o precil.
No dealbar do día 23, as forzas de Solís estaban apostadas en tres grupos nestas abas de Montouto, destacando unha porción de guardias nunhas casas - que poideran ser as próximas á ermida de Nosa Señora das Cabezas no lugar de Raxó - situadas á beira do camiño polo que viñan as tropas de Concha.
As tropas de Solís dirixíronse ao combate ao berro de "Viva a Raíña libre, ¡Abaixo o dictador!", e defenderon as súas posicións durante algunhas horas, con grande alento, pero con pouca sorte.
Porque as forzas de Concha eran superiores e, ademáis, fixéronlle a Solís unha manobra envolvente - probablemente polo lugar de Penelas - que non puido evitar. Así narra esta parte da batalla o cronista Juan do Porto:
"Ao abeiro da falda oposta da montaña, que pola súa disposición topográfica non podía ser dominada polos que estaban na cima, algúns enemigos rodearon polas costas aos revolucionarios, co obxecto de hostilizar o centro do exército de Solís por detrais, e facer así imposible a unión das alas esquerda e dereita... E vendo Solís as vantaxes que ían collendo os enemigos, que o número das tropas que lle atacaban eran máis das que el pensaba e que, para colmo da súa mala sorte, a arma de cabalería do enemigo non podería ter escollido en Galicia terreo tan favorable como este para cargar, acordou emprender a súa retirada cara a Santiago, aínda que algúns lle aconsellaban que voltase cara o camiño de Padrón, pola línea da montaña que tiña á súa dereita, cunhas crestas aguzadas de fácil defensa".
Recuando cara Santiago, e hostigadas polas tropas do xeneral Concha, as forzas de Solís atravesan a ponte Pedriña e entran en Compostela coa intención de se defenderen, onde acaban por acollerse no mosteiro de San Martiño Pinario, onde no solpor da tarde (á sete), Miguel Solís acabou lpor se entregar ás tropas do xeneral Concha.
A cidade foi conquistada metro a metro, polo Hórreo, por Belvís, pola rúa e praza de San Benito e pola Azabachería, segundo ten relatado unha testemuña presencial de excepción, como era o futuro patriarca das letras, Manuel Murguía, que moraba daquela no cantón de San Benito, en Compostela. Desde as ventás da súa casa puido ollar Murguía coma caían os soldados "revolucionarios" de Solís, pois as ordes eran de "duro e á cabeza".
Pero na victoria, os vencedores non foron xenerosos. Solís e 61 oficiais son collidos presos e levados cara a cidade da Coruña. Constituido un tribunal militar en Carral, son condenados a morte, sendo fusilados Miguel Solís e outros once compañeiros oficiais de armas, pasadas as catro do serán, no adro da igrexa de San Esteban de Paleo, ao carón da vila de Carral. As ordes do Capitán Xeneral, Villalonga, non podían ser máis terminantes: recibida a orde, mandaba que se puxese en Capela a Solís e que se fusilase.
Como xa presentira Antolín Faraldo nun artigo publicado no xornal La Revolución, portavoz da Xunta Superior de Galicia, a "derradeira páxina escribiuse con sangue". Do sangue vertido neste abril de 1846 naceron os "mártires de Carral".
Os ecos deste levantamento e dos fusilamentos de Carral entraron así na memoria popular e tamén na tradición culta forxada polo galeguismo. Intelectuais rexionalistas e das Irmandades da Fala ocupáronse con frecuencia desta "revolución" e dos seus "mártires". Deste modo, tamén esta batalla de Cacheiras entrou a formar parte dunha lenda, que estudaron historiadores e cantaron os poetas.
Un poeta das Irmandades da Fala cantou, en 1917, os ecos desta batalla nun poema titulado "¡Cacheiras! ¡Carral!". Cuns versos deste poema damos cabo a esta lembranza desta batalla, celebrada neste noso monte Montouto:

"O promo dos asesinos
desfai as frentes barudas
d´aqueles homes de ferro
que a treizon fai que sucumban...
Os páxaros enmudecen,
as froles víranse murcha,
o sol non brila no espazo
porque as brétemas o ocultan...
¡E que a libertá galega
morreu, e en bágoas se enturbia!
¡Maldito, maldito sexa
quen contra o progreso luita!"

 
 
 
 
 
 
   
   
   
 
Oficina Central: Rúa de Betanzos, 18-1ºD
15700 Santiago de Compostela (A Coruña)
Telf. 981 576 034 Fax. 981 555 118
informacion@fundacionamigosdegalicia.org