ASPAMITE

A idea de crear o c entro de actividades Aspamite xorde a partir da necesidade de atender un conxunto de persoas do concello de Teo que padecen unha minusvalía psíquica e que, por diferentes motivos, se atopaban sen saber como ocupar o seu tempo nunha actividade axeitada á súa idade e ás súas posibilidades de actuación. Dada a insuficiencia de recursos comunitarios dispoñibles para atendelos no ámbito do concello, esta necesidade foi inicialmente presentada por un grupo de pais que tiñan fillos con discapacidade e que formaban parte da Asociación de Pais de Minusválidos Psíquicos de Teo. Por iso, o centro está concibido para atender minusválidos psíquicos non profundos de máis de 18 anos.

En canto ao tipo de actividades para realizar, foi necesario seleccionar aquelas que se asemellen o máis posible ás que se realizan no mundo laboral, como preparación a un posible emprego. Esta orientación laboral non exclúe a atención nas áreas persoal, familiar e social, nun intento de favorecer un desenvolvemento harmónico e integral da súa personalidade. Polo tanto, entendemos que a creación deste recurso será un paso adiante na atención aos minusválidos, tanto para conseguir unha atención directa, coma para a preparación e a busca de empregos axeitados ás súas características.

FINALIDADE DO CENTRO DE ACTIVIDADES  

A finalidade básica deste centro é a de contribuír ao desenvolvemento integral das persoas con minusvalías e nós tratamos de conseguila, provocando situacións e experiencias a través de tres áreas que se sustentan mutuamente:

•  Área laboral

•  Área de autonomía persoal

•  Área de integración familiar e social

As tres áreas teñen a mesma importancia e serán obxecto de atención por parte deste centro, pero priorizamos a actividade laboral para diferenciala daqueles centros que realizan actividades escolares e educativas propias de persoas de menor idade.

Deste xeito, os nosos obxectivos serán os seguintes:

•  Potenciar a preparación laboral das persoas con minusvalía, a través da adquisición de destrezas e da adaptación ás diferentes normas e instrucións indispensables en calquera traballo.

•  Promover a adquisición da máxima autonomía persoal posible para a realización de todo tipo de actividades cotiás.

•  Favorecer un adecuado coñecemento e uso dos recursos comunitarios no marco dunhas relacións sociais normalizadas.

SITUACIÓN

O centro ten a súa situación provisional no lugar das Galanas, s/n.º, do concello de Teo, no mesmo edificio no que ten a sede a Asociación de Pais, pero queda un pouco afastado e, sobre todo, un pouco pequeno; polo tanto, sería necesario buscar unha situación máis céntrica, máis grande e que estivese integrada nun núcleo de poboación.

 

 
 
   
 
 
 
   
   
   
 
Oficina Central: Rúa de Betanzos, 18-1ºD
15700 Santiago de Compostela (A Coruña)
Telf. 981 576 034 Fax. 981 555 118
informacion@fundacionamigosdegalicia.org