Historias dunha prostituta

El Progreso

Que unha persoa poida chegar a exercer a prostitución, é algo realmente doado, vexamos as seguintes experiencia...

Son dominicana, maior de idade, filla dun avogado e unha empresaria da confección separados. Casei aos 15 anos cun médico, amigo da familia, que era coma o meu pai, o meu irmán, o meu profesor e o meu mellor amigo.

A miña familia era de clase media, recoñecida en honestidade, seriedade e responsabilidade.

Co tempo, convertinme nunha secretaria, cun bo soldo, e con eses anos máis deixei de querer o meu marido e decidimos separarnos. Para esquecer esa separación, decidín pasar unha vacacións en España durante 10 días.

Esa viaxe significou un novo rumbo na miña vida.

No avión que me levou a España, atopeime cunha compatriota que regresaba despois de ser expulsada.

Establecemos conversación e comentoume que cos meus estudos podía gañar moitísimo diñeiro neste país, que aquí se pagaba moi ben, pero debía de ir con ela a Galicia. Eu tiña o hotel reservado en Madrid, así que renunciei ao hotel de Madrid e vinme coa amiga que coñecera no avión a Galicia, a Santiago de Compostela. Alí hospedámonos na casa dunha compañeira súa. Cando chegamos á casa da súa amiga, todo se volveu afagos cara a min, pola miña pel branca, polo meu pelo, polos meus comportamentos, todo eran boas palabras.

Había no traballo das dúas amigas uns comportamentos que non acababa de entender, tratábase do horario que tiñan, entraban a traballar ás 8 da tarde e regresaban do traballo a altas horas da madrugada, non falaban de compañeiros de traballo, senón de clientes ou amigos, e sempre falaban dun en especial, un tal Luís.

Un día, un pouco antes de ir traballar, empezáronme a falar do seu traballo e descubrín que se dedicaban á prostitución. Quedei asombrada, asustada, chea de medo e sen saber moi ben que facer. Dende que marcharon ata que regresaron estiven chorando no sofá. Ao regresar e verme nese estado, as miñas amigas faláronme das marabillas que supoñía a prostitución, a gran cantidade de diñeiro que podía gañar, pero eu díxenlles que de ningún xeito aceptaría un traballo semellante, pensaba na miña nai, no meu pai, nos meus irmáns e víame a min traballando na prostitución, imaxinábame a eles de visita na miña casa, imaxinábame o traballo de prostituta.

Cando cheguei a España, traía 1.000 dólares e o hotel en Madrid pago. Ás miñas amigas dáballes para gastos 5.000 pesetas a diario para contribuír aos gastos, comía fóra todos os días e, ao cabo dunha semana, estaba sen diñeiro, non me atrevía a chamar os meus pais ou os meus irmáns para pedirlles diñeiro, non coñecía a ninguén que non fosen as dúas amigas coas que compartía piso, estaba sen nada, estaba soa.

Empecei a buscar traballo nunha oficina, eu era secretaria no meu país, pero ninguén me contrataba, o nivel que esixían non tiña nada que ver co que eu traía do meu país, eran mundos diferentes; busquei traballo na hostalería, pero atopei que me esixían papeis e eu non tiña papeis.

As miñas amigas seguían insistindo en que me dedicase á prostitución, que probase, que non era nada malo, que coa miña pel, o meu pelo e o meu corpo ía gañar moito diñeiro, eu seguía insistindo en que non, non e non, pero un día as miñas amigas comentáronme que con ese traballo podía conseguir papeis, e iso abriu, xunto ao desespero de non ter traballo e o feito de estar sen un can e con débedas —debíalles certo diñeiro ás miñas amigas— os meus ollos para probar ese mundo.

Así, un día comenteilles ás miñas amigas que quería ver como era aquilo; en certa forma, empezáronme a instruír no oficio, falábanme de copas, falábanme da roupa máis axeitada para levar, falábanme da forma de entrarlles aos clientes, falábanme de facer o pase... Un día fun ao seu lugar de traballo e atopeime con rapazas, a maioría compatriotas miñas, seminúas, con tangas, con botas de media coxa, pintadas como máscaras e case me cae o mundo enriba.

Pero estaba nunha situación desesperada e, cada día que pasaba, a situación era peor. Non podía aguantar máis, era unha situación insostible, non tiña papeis nin forma de conseguilos, así que un bo día decidín empezar a traballar, pero coa intención de servir copas, só iso, servir copas, e así detrás da barra, estaba servindo copas, ata que un bo día e, quizais porque me gustaba, decidín deitarme cun home, chamábase Alejandro e xa había tempo que o coñecía do club. Acompañoume arriba, ao cuarto, e non fun capaz de facer nada con el, sentíame mal, sentíame incómoda, humillada.

As miñas amigas dixéronme que pensase noutra cousa, que non pensase no que estaba facendo, que non pensase con quen estaba, que me imaxinase noutro lugar.

Así, ao día seguinte, chegou o día en que me tocou subir, en que me tocou acompañar un home e ese día fomos dentro. El lavouse e quitou a roupa, puxo o preservativo e meteuse na cama, eu quedei mirando todo o que facía sentada nunha cadeira.

En fin, todos os días foi igual, sempre intentaba falar e falar, pero sempre me gustaba máis tomar copas ca ir ao cuarto. Era o rapaz que máis copas tomaba. Follar nunca me gustou, salvo con homes que me gustasen, pero a aqueles homes detestábaos só polo feito de presumir do que xamais foron.

Un día en que estaba tomando un café, algo que necesitaba facer a diario para desintoxicarme de todo o ambiente que rodeaba o club, coñecín un rapaz; mirámonos, sorrímonos e, despois dun tempo, coincidindo na mesma cafetería, saudámonos. Mentinlle e díxenlle que era perruqueira, namorouse de mi e casamos, levo xa tres anos con el e nunca lle vou contar toda a miña vida porque non lle interesa, e é un episodio da miña vida do que non me sinto orgullosa.

Hoxe en día colaboro con distintas ONG de axuda á prostitución, sempre fun conselleira, sempre intentei axudarlles, dígolles que non beban, que non fumen, que non fagan saídas con persoas sen coñecelas, que non confíen en ninguén. Coñezo o mundo da prostitución, coñezo a merda que hai dentro, o fodido que está. As rapazas veñen enganadas do seu país, dinlles que teñen contrato para traballar como amas de casa, como camareiras, para coidar anciáns, nenos... Do que se trata é de que exerzan a prostitución, e non teñen escapatoria, deixaron no seu país a súa familia, os seus fillos, o seu traballo e están sen diñeiro nun país estraño.

Empezan a traballar e empezan os problemas, métense na bebida, nas drogas, un chulo que as engana, policías que a cambio de favores sexuais prometen papeis... Outras veces son as propias mafias as que as traen e as que as estafan. Gastan uns 900 € en traelas e cóbranlles mil veces máis por eses gastos, así que pasan meses traballando para eles sen recibir nada polo seu traballo, só lles dan unha moeda de cando en vez para que chamen á súa casa e digan que están ben. Outras veces, os donos dos clubs tamén son cómplices da súa situación, encérranas, non as deixan saír, non lles deixan chave dos cuartos e, claro, chega o vicio, a bebida, as drogas, que á fin acaba con elas.

Libre non é aquel que pode ir e vir cando queira e a onde queira e facer o que queira, libre é aquel que non ten prexuízos, que non ten cargo de conciencia, aquel que non está manipulado por ninguén, que non ten xefe superior que mande nel, nin ningunha empresa maior ca el, que sexa libre coma o vento, iso é a liberdade, quizais neste mundo de hipocrisía.

 
 
 
 
   
   
   
 
Oficina Central: Rúa de Betanzos, 18-1ºD
15700 Santiago de Compostela (A Coruña)
Telf. 981 576 034 Fax. 981 555 118
informacion@fundacionamigosdegalicia.org