Viaxar por toda Galicia para coñecela, degustar a súa cociña e descubrir a súa cultura gastronómica. Só unha comunidade rica en produtos e disposta a exaltar todo canto dá a terra e mailo mar pode ofrecer máis de 300 festas gastronómicas repartidas por todos os recunchos de Galicia.
Esta é unha razón máis que suficiente para entender a orixe dunha feira que en seis anos non deixou de medrar, que reúne a ducias de milleiros de persoas, que transforma o recinto de Expourense nun gran centro de restauración e que se convirte nunha cita obrigada para todos os amantes do bo comer e beber: Xantar, o Salón Galego de Gastronomía e Turismo, que no 2006 se celebrará do 8 ao 12 de febreiro.
Dende os seus comezos no ano 2000, comarcas das catro provincias galegas, comunidades autónomas invitadas e rexións turísticas de Portugal unen os seus produtos máis típicos e representativos para dar forma a un menú que, a prezos moi asequibles, se prepararán, servirán e degustarán no pavillón feiral.
En 8.000 metros cadrados cubertos, a organización recrea con todo luxo de detalles e servizos preto de vinte restaurantes. Cociñas e salas de comedor distribúense por todo o recinto e aportan unha espectacular imaxe grazas á imaxinación e o esforzo decorativo dos restauradores.
Pero non todo é comer sentados á mesa. Por calquera parte e instante nos cinco días que dura esta feira se suceden as degustacións de produtos: mexilón, polbo, cogomelos, embutidos, pequenas delicias elaboradas por profesionais, por citar algúns exemplos. E, claro está, o viño. As cinco denominacións de orixe galegas danse cita para que o público cate os seus caldos. Sí, o público, posto que unha das actividades indispensables de Xantar son os cursos de cata.
Restauración, degustacións e exposición de produtos. A área gastronómica é do máis chamativo, pero este Salón caracterizouse dende os seus inicios por ofrecer outras moitas actividades destinadas ós profesionais e ó público en xeral.
Conferencias, charlas didácticas, presentacións literarias, ciclos de cine, exposicións de arte, nocións sobre a elaboración de licores, cavas, queixos e outros produtos, concursos de doces, campeonatos de xefes de sala e cursos de cata, entre outras moitas, fan de Xantar un auténtico maratón de actividades.
E aínda hai máis. Concertos, grupos de danzas e gaitas, coros e promoción de festas históricas ofreceron nestes anos un completo apartado lúdico. Un capítulo no que compre destacar a zona de ocio, pensada para a diversión tras abandonar a mesa.
Unha oferta do máis ampla para profesionais e público en xeral. Xantar presta especial atención a ámbolos dous tipos de visitantes. De feito, o 31% das persoas que pasaron pola feira eran profesionais. O atractivo que ten para o público en xeral queda fora de toda dúbida unha vez analizados os resultados das enquisas realizadas: O 94% ten intención de repetir.